A aprendizaxe baseada na neuroeducación

A entrada desta semana será unha breve introdución sobre a aprendizaxe baseada na neuroeducación, os seus principios básicos e orientadores vínculados á práctica educativa. A aprendizaxe baseada na neuroeducación

A neuroeducación ou neuropedagoxía é a disciplina que promove unha maior integración das ciencias da educación con aquelas que se ocupan do desenvolvemento neurolóxico, coma poden ser a medicina, a psicoloxía e a neuroloxía, configurándose deste xeito coma unha disciplina ponte. Neste proxecto de desenvolvemento científico pretenden converxer os coñecementos que se teñen acerca do funcionamento do cerebro e os procesos educativos, tratando de aproveitr os primeiros en beneficio dos procesos de ensinanza-aprendizaxe. O ámbito no que se centra a neuroeducación é, polo tanto, o ámbito escolar e académico.

O fundamento da neuroeducación é o concepto denominado plasticidade cerebral. Seguindo a Torres (n.d.) este concepto fai alusión á "capacidade do cerebro á hora de cambiar físicamente para adaptarse aos estímulos e aos hábitos de forma útil para o individuo. Cada vez que consolidamos unha forma de aprendizaxe, esta deixa pegada no modo no que as neuronas do noso cerebro se conectan entre si".

A neuroeducación aporta uns principios básicos e orientadores respecto do cerebro, e que seguindo a Campos (n.d.), son os seguintes:

  • Cada cerebro é unico.
  • Cada persoa ten o seu propio ritmo de desenvolvemento e aprendizaxe, relacionado e vinculado coa súa historia xenética e co ambiente no que se desenvolve.
  • O cerebro non é estático, senón que aprende e cambia ao longo do ciclo vital.
  • O seu proceso de desenvolvemento é gradual, polo que a aprendizaxe debe ser construída respectando ese proceso de neurodesenvolvemento.
  • A plasticidade cerebral permite aos seres humanos aprender ao longo de toda a súa vida.

Algúns dos principios vinculados á práctica educativa e que se atopan na actualidade validados, seguindo tamén a Campos (n.d.), son os seguintes:

  • O cerebro aprende e busca significados a través de patróns, detectándoos, aprendéndoos e atopándolles un sentido para utilizalos.
  • Os sentimentos, emocións e estados de ánimo afectan á capacidade de razoamento, ao proceso de toma de decisións, á memoria, á actitude e á disposición para aprender.
  • Un alto nivel de estrés pode provocar un impacto negativo no proceso de aprendizaxe.
  • O cerebro conta con diferentes sistemas de memoria, que é unha das funcións máis complexas do cerebro. Coñecer o proceso polo cal se adquire, almacena e evoca información permitirá aos e ás docentes elaborar e deseñar proposas de aprendizaxe coa frecuencia, intensidade e duración máis axeitadas.
  • Distintas investigacións demostraron a gran importancia que o sono ten para o bo funcionamento do cerebro. O sono atópase intimamente relacionado cos procesos cognitivos, especialmente coa consolidación das aprendizaxes. A falta de sono pode, entre outras cousas, diminuir os procesos de atención, destrezas motoras, motivación, habilidades de pensamento, memoria, capacidade de planificación e execución.

 

Referencias bibliográficas: 

Campos, A. La Neuroeducación: descartando neuromitos y construyendo principios sólidos (1st ed.). Lima: Centro Iberoamericano de Neurociencia, Educación y Desarrollo Humano. Retrieved from http://cerebrum.la/congresomundial/papers/contenido/Anna%20Lucia/Neuroeducacion-ALC.pdf

Torres, A. Neuroeducación: el aprendizaje basado en neurociencias. Psicologiaymente.net. Retrieved 29 March 2017, from https://psicologiaymente.net/desarrollo/neuroeducacion-aprendizaje-neurociencias