A radio no Colexio Atalaya Cantabria

Nesta entrada queremos facer mención ao Proxecto Babot A radio no Colexio Atalaya Cantabriano que, usando coma base o proxecto do noso catálogo, e despois de varias reunións co noso equipo pedagóxico para adaptar o proxecto base ás súas necesidades, desenvolveron o seu propio programa de radio ao que chamaron La voz del Atalaya.

 

A radio no Colexio Atalaya Cantabria

 

Aínda que os rapaces e rapazas de 5º de Primaria son os encargados de levalo a cabo a radio no Colexio Atalaya Cantabria, participan nel os demais cursos de Primaria e Infantil.

Con cinco seccións, que son, entretemento, noticias, publicidade, reportaxes e entrevistas, o programa informa dos distintos eventos do colexio, saídas culturais, festividades, fan recomendacións literarias, entrevistas, etc. Para sacarlle máis partido á radio decidiron utilizar as tres linguas: galego, castelán e inglés.

Mediante o desenvolvemento de cada emisión o alumnado adquire e reforza competencias clave, ademais de traballar os contidos de forma transversal, mediante o traballo cooperativo e colaborador.

Un proxecto idóneo para fomentar competencias lingüísticas orais e escritas nas tres linguas, adquisición de vocabulario, coñecer distitntas tipoloxías textuais, investigación sobre a realidade sociocultural da contorna inmediata, busca de información e documentación, escritura creativa... Ademais, o proxecto está deseñado para favorecer a resolución pacífica dos conflitos, o reforzo de competencias clave e valores sociais, a creatividade, a iniciativa e o espírito emprendedor, a resolución de problemas e o pensamento crítico.

Dende o equipo de Dismedia queremos felicitar ao alumnado do colexio pola gran motivación, dedicación e calidade das súas emisións. E tamén, por suposto, ao profesorado, que guiou e acompañou ao alumnado neste gran proxecto.

Coma non podía ser doutro modo, emisión tras emisión, podemos ver como van mellorando e teñen cada vez máis soltura coma locutores de radio. Quen sabe se algún día sae algún profesional da radio deste grupo de alumnos e alumnas!

Deixámosvos o enlace do programa de radio La voz del Atalaya onde podedes escoitar as 4 emisións do programa que levan feitas ata o momento, ademais de ver fotografías do proceso.