Jerome S. Bruner na súa Teoría da Categorización resalta o papel da actividade coma parte fundamental en todo o proceso de aprendizaxe, sendo a experiencia persoal de descubrir a información, é dicir, a aprendizaxe por descubrimento, unha das condicións para aprender de forma significativa.
O docente non expón os contidos de forma totalmente acabada, senón que dirixe aos discentes para que alcancen as metas propostas, facendo de mediador, guía e facilitador e que sexa o alumnado o que percorra o camiño e alcance os obxectivos propostos.
Según Bruner, existen tres tipos de descubrimento:
- Descubrimento deductivo: mecanismo propio da lóxica e aplicado en todas as ciencias, que consistiría en que mediante a presentación dun enunciado inicial, fundamentado na observación, extráense unhas premisas e de elas unhas conclusións. Tradicionalmente son os que máis se utilizan na ensinanza, pero non se debe esquecer que para a aprendizaxe significativa non soen resultar as máis axeitadas.
- Descubrimento inductivo: método científico máis usual, no que mediante a presentación de casos particulares vanse descubrindo os principios xerais que os rexen. Neste método podemos diferenciar catro pasos esenciais:
- Observación de feitos para o seu rexistro
- Clasificación e estudio dos feitos
- Derivación indutiva que parte dos feitos e permite chegar a unha xeneralización
- Contrastación
- Descubrimento transductivo: o individuo relaciona ou compara dous elementos particulares e advirte semellanzas en varios aspectos dos mesmos.
As condicións para que se produza unha aprendizaxe por descubrimento son, seguindo a Baro Cálciz (2011):
- O ámbito de busca debe ser limitado, de xeito que o individuo sexa capaz de dirixirse directamente ao obxectivo formulado nun inicio.
- Obxectivo e medios deberán estar claros e resultar atraentes.
- O alumnado debe contar con coñecementos previos e estar familiarizado cos procedementos e ferramentas que se utilizan no proceso de descubrimento (observación, busca, control e medición de variables...).
- As tarefas deben ter sentido nun contexto máis amplo.
Referencia bibliográfica:
Baro Cálciz, A. (2011). Metodologías activas y aprendizaje por descubrimiento. Revista Digital Innovación Y Experiencias Educativas, (40). Retrieved from https://archivos.csif.es/archivos/andalucia/ensenanza/revistas/csicsif/revista/pdf/Numero_40/ALEJANDRA_BARO_1.pdf