Deseño iterativo no ABP

Existen dúas vías que se poden seguir para deseñar un proxecto ABP (Aprendizaxe Baseada en Proxectos): deseño iterativo e deseño retrospectivo.

Nesta entrada trataremos de definir que se entende por deseño iterativo no ABP, explicando as súas características máis relevantes, vantaxes, desvantaxes, condicións clave e extraendo unhas conclusións finais.

O deseño iterativo de proxectos é quizás o máis coñecido e practicado na aula, e as súas características clave son as seguintes:

  • O produto final non está definido dende un inicio.
  • O proxecto xurde dunha proposta dos propios alumnos e alumnas.
  • Segue un enfoque exploratorio.

O proxecto parte dunha pregunta retadora, que implica investigar e profundar no tema a tratar. Esta pregunta pode ser formulada polo propio alumnado partindo das súas inquietudes ou intereses, ou pode ser que o profesorado identifique estas inquietudes e as reformule nunha cuestión retadora que dará lugar ao desenvolvemento dun proxecto.

En calquera dos casos, o produto final non está definido de antemán, xa que segue un enfoque exploratorio, no que docentes e discentes van descubrindo o camiño conforme o van percorrendo.

O deseño iterativo tenvarias vantaxes, entre elas:

  • Seguen un proceso máis natural e máis próximo á realidade no que respecta á investigación e ao desenvolvemento de produtos finais, xa que non sempre son visualizados e coñecidos dende un inicio.
  • Parten sempre dos intereses e inquietudes do alumnado, polo que a motivación dos discentes está garantida dende o comezo.
  • O alumnado é partícipe e protagonista nos procesos de ensinanza-aprendizaxe.
  • Poden tomar diversos camiños; a mesma pregunta non sempre terá a mesma solución, polo que a diversidade é outro punto a favor deste tipo de deseño.

Unha desvantaxe clara respecto a outro tipo de deseños é a imposibilidade de planificar este tipo de experiencias nas programacións anuais. Aínda que si traballen contidos do currículo e sirvan para que o alumnado afiance os coñecementos adquiridos, desenvolva competencias clave, etc., non teñen unha xustificación inicial programada e planificada. Estas experiencias veranse obrigadas a permanecer coma actividades complementarias ás actividades de aula. Esta falta de planificación pode ser unha traba á hora de defender este tipo de metodoloxía fronte a outras de corte máis clásico e tradicional.

Ademais, este tipo de deseños presentan unha condición fundamental: precisa de profesorado formado e con ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos ABP. Esta afirmación ten varias explicacións.

 

Deseño iterativo

Por un lado, o profesorado será a guía que reconduce e facilita os procesos de ensinanza-aprendizaxe do alumnado durante todas as fases do camiño, de xeito que o alumnado saque o máximo proveito ao proxecto. Este carácter de guía require no profesorado coñecementos previos, amplos procesos de reflexión e análise, espontaneidade, acceso e dispoñibilidade a diversidade de ferramentas, entre outros aspectos. Polo tanto, a experiencia coa que conte o profesorado será un punto a favor para o correcto desenvolvemento dun proxecto desta índole.

Por outro lado, a xustificación pedagóxica do proxecto será un proceso en paralelo ao seu desenvolvemento. Relacionar as actividades realizadas polo alumnado cos contidos do currículo e poder, polo tanto, realizar unha avaliación formativa, precisará dunha gran reflexión e análise por parte do profesorado que deberá ir deseñando e elaborando as ferramentas de avaliación necesarias que permitan constatar a consecución dos contidos do currículo.

Concluíndo, e a pesar das condicións previas que precisan os deseños iterativos de proxectos, moitas das experiencias de innovación educativa levadas a cabo nas aulas parten da espontaneidade que este deseño permite. Resultan experiencias que aportan gran riqueza e valor aos procesos de ensinanza-aprendizaxe do alumnado, e polo tanto, son plenamente lexítimos dentro das Metodoloxías Activas.