Deseño retrospectivo no ABP

Dedicaremos esta entrada a definir que se entende por deseño retrospectivo na Aprendizaxe Baseada en Proxectos. Para iso, abordaremos as súas características máis relevantes, vantaxes, desvantaxes e extraeremos unhas conclusións finais.

Coma características principais do deseño retrospectivo poderanse destacar as seguintes:

  • O produto final está definido e é coñecido dende un inicio.
  • O proxecto pode e debe estar inspirado no propio currículo educativo.
  • O alumnado segue un enfoque secuenciado e predefinido polo/a docente.

Dado que neste caso o produto final si se coñece de antemán, unha boa fonte de inspiración pode ser o propio currículo educativo. Analizando con detemento os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe poderase observar que a miúdo ofrecen pistas acerca dos posibles camiños ou proxectos a desenvolver na aula.

Froito do anterior, pódense establecer algunhas das vantaxes coas que conta o deseño retrospectivo:

  • Recurso idóneo para a introdución da Aprendizaxe Baseada en Proxectos na aula.
  • O currículo é unha peza clave e fundamental do proxecto.
  • O proxecto será unha actividade lexítima dentro da actividade cotiá da aula. A xustificación didáctica e curricular do proxecto formúlase previamente ao seu desenvolvemento, polo que cabe a posibilidade de planificar e definir o proxecto dentro da programación anual.
  • Proxectos transversais e multidisciplinares. Dado que se define con anterioridade ao seu desenvolvemento, o profesorado poderá incluír todas as áreas curriculares que estime oportunas e convenientes.
  • Avaliacións planificadas de antemán. Poderase definir con anterioridade quen avalía, que se avalía e como se vai realizar esa avaliación, propoñendo todas as ferramentas que se consideren necesarias e oportunas en cada fase do proxecto.
  • Maior autoestima e confianza do alumnado, xa que coñecerá dende un inicio cal será a meta á que deberán chegar co desenvolvemento do proxecto, e o camiño a seguir serán eses pasos establecidos polo/a docente.
  • Maior seguridade do profesorado, que non precisa de demasiada experiencia para levar a cabo un proxecto deste tipo na aula.

A principal desvantaxe con respecto ao outros tipos de deseño, pode ser o feito de que o proxecto non parte inicialmente das inquietudes e intereses do alumnado, senón que parte, neste caso, do distintos elementos do currículo. O profesorado deberá establecer dentro do proxecto determinadas estratexias que favorezan a motivación e implicación do alumnado co proxecto.

Outra desvantaxe pode ser que se perda en parte certa esencia da espontaneidade da elaboración de proxectos na aula.

Con todo, e xa para rematar, os deseños retrospectivos resultan un recurso idóneo para a introdución da Aprendizaxe Baseada en Proxectos na aula. Contarán coa lexitimidade necesaria para ocupar o lugar que lles corresponde entre as actividades cotiás de aula ao estar xustificados dende unha perspectiva pedagóxica, didáctica e curricular e tamén, pola posibilidade de introducilos dentro das programacións didácticas anuais.