Dinámicas de concentración

Nesta entrada presentaremos dúas dinámicas de concentración moi útiles para centrar ao alumnado antes de comezar a traballar, ademais de para fomentar a súa imaxinación e creatividade.

Dinámicas de concentración

Contos colectivos

Esta primeira dinámica, ademais de para favorecer a concentración dos participantes, tamén pode ser utilizada de maneira lúdica.

Materiais necesarios: Un folio e bolígrafos

Tempo dedicado: 30 minutos

Desenvolvemento: Collerase o folio e irase pasando por cada membro do grupo para que escriban entre todos un conto. Cada participante poderá ver o escrito polo/a compañeiro/a anterior, pero non o do resto, de  xeito que deberán ir guiando a súa historia baseándose no que poden ler. O proceso é o seguinte: ler o que escribiu o compañeiro/a anterior, dobrar a folla para que esa parte quede oculta, escribir unha frase e pasarlla ao/á seguinte participante. Ao rematar, lerase en alto o resultado final, podendo incluso facer copias para que o leven á casa, deixalo exposto na clase ou ir facendo un libro de contos da clase.

 

A baralla dos contos

Esta dinámica, moi similar á anterior, tamén favorece a concentración dos/as rapaces/as e é unha forma lúdica de fomentar a súa imaxinación.

Materiais necesarios: Cartas ou tarxetas con distintos debuxos de obxectos, persoas, animais...

Tempo dedicado: 20 minutos

Desenvolvemento: Con esta dinámica é mellor fragmentar o gran grupo en equipos de 5 ou 6 integrantes. Repártense de 10 a 15 tarxetas a cada grupo e colócanse boca abaixo no centro da mesa. O primeiro participante poderá comezar a historia da seguinte forma: “Érase unha vez un meniño que ía de camiño á escola cando...”, daralle a volta á primeira tarxeta e deberá continuar a historia integrando o obxecto, animal ou persoa que apareza na mesma. O/a compañeiro/a da súa dereita deberá continuar a historia facendo referencia ao obxecto que apareza na seguinte tarxeta. Seguirase o proceso ata que todos os integrantes conten un anaco de historia e destapen todas as tarxetas. Si se desexa continuar a historia, poderanse barallar de novo as tarxetas, colocalas boca abaixo no centro da mesa e continuar a historia.