Escola de Nais e Pais

Durante o pasado curso escolar o noso equipo levou ao cabo sesións de Escola de Nais e Pais en varios centros de Galicia, co obxectivo de sensibilizar ás familias respecto da importancia do uso da robótica educativa coma medio de aprendizaxe transversal e multidisciplinar.

A robótica é unha alternativa lúdica a ter en conta posto que o alumnado pasa a ser protagonista dos seus propios procesos de aprendizaxe e da renda solta á súa imaxinación e creatividade, mentres traballa na súa compresión sobre a tecnoloxía.

Escola de Nais e Pais

Entre outros aspectos, enfatizouse na robótica coma preparación para o futuro, traballando a lóxica, a abstracción, o razoamento, a resolución de problemas, conformándose coma un espazo colaborador, na que as sinerxías das diferentes habilidades de cada neno e nena forman equipos nos que se aprende a superar retos de forma cooperativa.

Outro aspecto a destacar durante estas sesións foi o beneficio extraordinariamente prometedor do seu potencial creativo para nenos e nenas con necesidades especiais, tanto nas áreas cognitivas coma psicosociais. Cun enorme potencial motivador, a robótica é especialmente útil en programas de reforzo e de educación especial.

Pero coma é mellor vivilo que contalo, o noso equipo preparou un desafío de robótica para as familias asistentes, de xeito que experimentasen en primeira persoa todos os procesos dos que falabamos con elas.

 

O reto foi realizar unha cidade intelixente para o que utilizamos os mBot de Mblock, mesmos materiais que utilizan os coles co seu alumnado. Formamos grupos cooperativos e cada un tivo que facerse cargo da realización de diferentes aspectos destas cidades intelixentes: semáforos, iluminación das rúas, paneis informativos, radares de velocidade, sensores de aparcamento, ambulancias, coches...

A práctica foi todo un éxito, e unha forma de que as familias comprenderan a importancia do uso da robótica educativa en Primaria coma motor da creatividade, da resolución de retos de forma cooperativa e colaboradora, para a mellora da autoestima e autonomía do alumnado, entre outros aspectos. Todo isto tendo en conta que se traballan de forma transversal distintas materias coma poden ser as linguas, ciencias sociais e naturais, educación plástica, musical, matemáticas...

 

Escola de Nais e Pais

A robótica educativa comeza a ser un recurso educativo máis nos centros, nos que a través de retos e proxectos, o alumnado traballa distintas competencias clave contidas no currículo oficial; destrezas realmente útiles para calquera persoa nun mundo tan cambiante no que constantemente se precisan solucións innovadoras para enfrontarse a novas situacións inesperadas.