Formación para o deseño de novos proxectos ABP

Durante esta semana finalizamos o curso de Formación para o Deseño de novos Proxectos ABP no Colexio Hijas de Cristo Rey en A Coruña.

Este centro educativo está a implantar o uso do ABP como unha alternativa a outros métodos máis habituais nos colexios. A pesar das dúbidas e inquedanzas que xera o implantar unha nova metodoloxía, os mestres de Primaria son un grupo moi creativo, que aportan moitísimo valor ao centro, e sobre todo, teñen unhas ganas incribles de facer cousas distintas e alternativas.

Comezamos a colaborar con este centro durante o curso lectivo pasado, no que se fixo unha aproximación teórica e práctica á Aprendizaxe Baseada en Proxectos, no que os grupos asistentes foron capaces de deseñar proxectos que implantar na aula, xustificándoos dende o currículo, deseñando ferramentas de avaliación, entre outros moitos aspectos.

Esta nova formación, xa máis curta no tempo, foi totalmente práctica no que os profes agrupados por niveis deseñaron un novo proxecto para implantar na aula.

Formación para o deseño de novos proxectos ABP

Os profes de 3º de Primaria xa viñan cunha idea moi clara do que quería facer: unha revista científica no que o alumnado traballara o espazo. Como xa tiñan parte do deseño bastante adiantado, aproveitamos as xornadas para resolver dúbidas, xustificar o proxecto no currículo e deseñar ferramentas de observación sistemática para a heteroavaliación do alumnado.

Os mestres de 4º de Primaria fixeron, mediante distintas técnicas de xeración de ideas, un boceto do seu proxecto, no que o alumnado organizará un museo de historia no colexio. Este proxecto implantarano durante o próximo curso lectivo, polo que nesta formación o que fixemos foi definir moi ben as fases do deseño, establecer áreas que se poden traballar e comezar a pensar sobre a avaliación do proxecto.

De seguro que os proxectos resultan todo un éxito e que o alumnado os aproveitará ao máximo. Dende logo, cuns mestres tan creativos, traballadores e concienciados ca necesidade do cambio, non pode sorprender que obteñan uns resultados espectaculares.

 

Foi todo un pracer para o equipo de Dismedia traballar con estes mestres, e esperamos que volvan contar connosco no futuro para deseñar e implantar moitos máis proxectos.