Metodoloxía Feeling

Navegando pola rede en busca de recursos e outras formas de actuar na aula atopamos coa Metodoloxía Feeling. Esta metodoloxía está inspirada na famosa novela de Antoine de Saint Exupéry “El Principito” e que, en combinación coa metodoloxía Design Thinking e coa creatividade xurdida dende as realidades do contexto, trata de crear innovación centrada nos sentimentos e desexos humanos.

A Metodoloxía Feeling trata de equiparar unha viaxe coas fases dun proceso innovador. As súas fases máis características son, polo tanto, as seguintes:

Metodoloxía Feeling

Preparar a viaxe

Mediante esta fase reflexionarase sobre o destino (problema ou reto a tratar), os acompañantes de viaxe (o equipo de traballo) e a maleta (os recursos dos que se dispoñen).

Despegar

É unha fase de empatía, na que mediante a determinación dos grupos de interese, a definición do que se quere aprender, os métodos de investigación a utilizar e outros aspectos, entenderase o contexto real do problema e os sentimentos e comportamentos das persoas implicadas.

Voar

Nesta fase, e mediante a utilización de diversas metodoloxías obteranse ideas para crear solucións ao reto formulado.

Explorar

Esta etapa do camiño potenciará a creación de prototipos que permitan comunicar, escoitar e avaliar as ideas. Búscase a creación dun diálogo constante entre as ideas dos viaxeiros e as necesidades das persoas. Nesta fase, os prototipos serán avaliados polos propios usuarios, de xeito que se poderá corrixir e rectificar todo o que se considere necesario.

Aterrar

Fase de recompilación e reflexión sobre a viaxe, na que ademais, planificaranse os seguintes pasos para levar a innovación xurdida á acción.

Aínda que pensada para o mundo emprendedor, ao igual que o Design Thinking, a Metodoloxía Feeling é totalmente aplicable e válida para o seu uso na aula. Só con repasar as súas fases van xurdindo unha gran cantidade de posibles proxectos que podemos propoñer ao alumnado. O profesorado deberá propoñer un reto real e relacionado coa contorna máis inmediata, e seguindo as fases desta metodoloxía, o alumnado poderá emprender unha viaxe, descubrindo e analizando posibles solucións aos retos e problemas formulados.

 

Referencias:

Feeling | Innovation Methodology. (2017). Lohiceconfeeling.com. Retrieved 23 June 2017, from http://www.lohiceconfeeling.com/

Saint-Exupéry, A. (2015). El principito. Barcelona: Salamandra.