Nesta entrada veremos a importancia que teñen os roles na Aprendizaxe Cooperativa, valorando algunha das súas vantaxes e establecendo os tipos de roles que podemos atopar.
Ao planificar unha clase o profesorado deberá ter en conta as accións concretas que desenvolverá o alumnado para unha determinada tarefa. Unha forma de organizar o traballo en equipo é asignando roles aos membros do grupo. Estes roles indicarán ao alumnado o que debe facer e o que pode esperar dos demais membros do seu equipo.
Algunhas vantaxes no uso de roles
- Reducen a probabilidade de actitudes dominantes ou pasivas dentro do grupo
- Garanten a utilización de técnicas grupais e que os membros aprendan as prácticas requiridas
- Crean interdependencia positiva entre os membros, xa que os roles serán complementarios entre si
Tipos de roles
Seguindo a Johnson e Johnson (2008) atopamos distintos tipos de roles segundo o cometido ou función requirida en cada momento ou actividade:
Roles que axudan á conformación do grupo
A miúdo configúranse coma supervisores: do ton de voz, do ruído, das quendas...
Roles que axudan ao grupo a alcanzar obxectivos e manter relacións de traballo eficaces
Encargados de explicar ideas e procedementos; de levar o rexistro (anotando decisións, redactando informes e diarios de grupo); rexistrando a frecuencia coa que os membros do grupo adoptan actitudes desexadas; orientando o traballo do grupo revisando instrucións, marcando tempos; encargados de ofrecer apoio aos demais; de aclarar ou parafrasear o que din os demais, entre outros.
Roles que axudan ao grupo a formular o que saben e integralo co que están aprendendo
Estes roles encárganse de reformular conclusións; corrixir explicacións dos demais aportando novos datos; asegurando que todos os membros saiban como chegar a unha determinada resposta/conclusión; conseguindo os materiais necesarios; xerando outras respostas; relacionando conceptos e estratexias aprendidas e relacionándoas co xa aprendido, etc.
Roles que axudan a incentivar o pensamento do alumnado e a mellorar o seu razoamento
Estes roles cuestionan as ideas dos demais; piden que se fundamenten as respostas con feitos e razoamentos; amplían as ideas con máis información, facendo preguntas profundas que conducen a unha análise en profundidade do tema a tratar; buscando outras opcións máis factibles; verificando a validez do traballo e integrando ideas e razoamentos dos membros do grupo nunha posición na que todos poidan concordar.
Roles cognitivos
Cada membro do grupo debe aportar un aspecto do proceso de pensamento crítico ou produto final obtido (análise, síntese, avaliación, elaboración, aplicación...).
Conxugar os distintos tipos de roles fará que o alumnado aprenda estratexias e interiorice os procesos necesarios para un traballo cooperativo eficaz.
Referencias bibliográficas
Johnson, D., Johnson, R. and Holubec, E. (2008). El aprendizaje cooperativo en el aula. Argentina: Paidós.